Anticonsumismo

O consumo consómete, stencil anticonsumista.

Anticonsumismo é o rexeitamento do consumismo. É semellante ao activismo anticorporativo, pero non o mesmo. O "consumismo" é a tendencia a adquirir, gastar e consumir bens considerados non necesarios. Implica a compra desmesurada xunto coa posibilidade de acceder a calquera produto do mercado.

O activismo anticonsumista conserva moitas veces unha estreita relación co activismo ecolóxico e o altermundismo, ás veces mesmo co activismo en defensa dos dereitos dos animais debido á oposición ás prácticas dalgunhas empresas internacionais como poden ser McDonalds.

Nos últimos anos, houbo un certo incremento no número de obras que ofreceron unha visión ideolóxica anticorporativa ao mundo, como poden ser o libro No Logo de Naomi Klein, ou os filmes The Corporation e Surplus.

A oposición ao materialismo económico provén principalmente de dúas fontes: a relixión e o activismo social. A maioría das relixións opóñense ao materialismo, pois cren que interfire entre a conexión co diviño ou leva a un modo de vida inmoral. Grandes personalidades aseguraron que a súa inspiración espiritual levounas a un estilo de vida sinxela, como Francisco de Asís, Ammon Hennacy ou Mohandas Gandhi.

Os activistas sociais ligaron diversas formas de materialismo coas guerras, o crime, e o malestar social xeral. Fundamentalmente, a preocupación radica en que o materialismo non pode ofrecer unha verdadeira razón de ser para a existencia humana.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne