Asteroide

O asteroide Ida e o seu satélite Dactyl. Dactyl foi o primeiro satélite dun asteroide en ser descuberto.

Un asteroide é un corpo rochoso, carbonáceo ou metálico máis pequeno que un planeta e que orbita ao redor do Sol. Os asteroides tamén son chamados planetas menores, denominación que se considera máis axeitada. A maioría dos asteroides que se atopan no noso sistema solar, posúen órbitas semiestables entre Marte e Xúpiter, pero algúns son desviados a órbitas que cruzan as dos planetas maiores.

Dende a Terra teñen aspecto de estrelas, de aí o nome de asteroides (ἀστεροειδής en grego significa "de figura de estrela"). Foi John Herschel quen lles puxo tal nome pouco despois de que os primeiros fosen descubertos.

O 1 de xaneiro de 1801 o astrónomo siciliano Giuseppe Piazzi descubriu desde o Observatorio Astronómico de Palermo o asteroide ou planeta menor Ceres, mentres traballaba nun catálogo de estrelas. Este planeta menor foi denominado Ceres Ferdinandea en honra do entón rei das Dúas Sicilias, Fernando I[1] .

Ao descubrimento de Piazzi seguírono outros semellantes, pero de obxectos máis pequenos. Hoxe estímase que existen preto de 2 millóns de asteroides cun diámetro maior que 1 km tan só no Cinto Principal de asteroides; porén, se se suman todas as súas masas, o total é o 5% da masa da Lúa.

No caso do Cinto de Kuiper estímase que existen uns 60 millóns de obxectos, cunha masa da orde de 2,5 veces a da Lúa, é dicir, o 3% da terrestre.

En 2016, a ONU acordou declarar o 30 de xuño o Día Internacional dos Asteroides [1].

  1. IAU (ed.). "Near Earth Asteroids (NEAs)" (en inglés). Consultado o 17 de novembro de 2015. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne