Carbohidrato

A lactosa é un disacárido que se encontra no leite formado por unha galactosa e unha glicosa unidos por enlace glicosídico beta-1-4.

Os carbohidratos, tamén denominados glícidos, sacáridos ou, antes, hidratos de carbono, son compostos químicos orgánicos que conteñen xeralmente osíxeno, hidróxeno e carbono. A súa función é nutritiva e fundamentalmente enerxética[1], pero tamén estrutural.

A súa fórmula química é Cn(H2O)n ou derivadas dela, variando o valor de n desde 3 ata miles de átomos de carbono. Na natureza encóntranse nos seres vivos formando parte de biomoléculas illadas ou asociadas a outras, coma as proteínas (glicoproteínas) e os lípidos (glicolípidos).

Os carbohidratos non son moléculas que conteñan carbonos hidratados, senón enlazados a grupos alcohólicos ou hidroxilos (-OH) e a radicais hidróxeno (-H). Ademais sempre hai un grupo funcional que leva un carbonilo (C=O) como un grupo cetónico (-CO) ou un grupo aldehido (-CHO), polo que os glícidos poderían chamarse polihidroxicetonas (cetosas) ou polihidroxialdehidos (aldosas).

Os carbohidratos poden sufrir reaccións de esterificación, aminación, redución, e oxidación, o cal outorga a cada unha das estruturas unha propiedade específica, como pode ser a solubilidade.

  1. Alberts, Bruce (1992). Omega, ed. Biología molecular de la célula (en castelán). p. 46. ISBN 84-282-0896-4. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne