Coroa (ornamento)

Coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico.

A coroa para ornamento da cabeza considerouse en todas as épocas como distintivo da autoridade real e nalgunhas das súas formas, como premio ou condecoración debida a méritos moi singulares.

  • A coroa radiante ou con puntas no bordo superior foi entre os romanos un atributo dos deuses e dos emperadores a quen se tributaron honores divinos.
  • A coroa triunfal ou de loureiro, xa natural, xa metálica, dábase polos romanos aos xenerais vitoriosos
  • A coroa cívica ou de rama de carballo concedíase en Roma aos cidadáns beneméritos.
  • A coroa obsidional ou gramínea (de grama) serviu para os valentes que obrigaran ao inimigo a levantar o cerco dalgunha praza.

Os emperadores romanos aparecen frecuentemente figurados nas moedas levando coroa triunfal e, ás veces, coroa radiante. Logo de Constantino I, e no Imperio bizantino, adoitan levar diadema pero algúns destes últimos adoptan a tiara persa modificada.

Coroa de Ferro.

Os Reis de Occidente, na Idade Media, utilizaban coroas en forma de aro cilíndrico de ouro, adornado con pedrería e, ás veces, con pendurantes; desde o século IX ao XIII adoitan montarse sobre o aro uns floróns ou puntas con bólas e desde o século XIII estréitase o aro e convértense os floróns en trifolios, o cal é moi común nos dous séculos seguintes. Desde o século XVI fíxase a distinción entre coroas de reié, príncipes e nobres. A coroa europea máis antiga aínda existente é a Coroa de Ferro do século VII.

Durante toda a Idade Media, as coroas heráldicas, moi variadas consideráronse un simple elemento decorativo. Durante o século XIV aínda adornaban a miúdo o casco e non tiñan carácter nobiliario. As primeiras coroas dos reis de Francia deriváronse destas. No século XV apareceu o costume de pechar as coroas con arcos, pero non foi apenas nos séculos XVII e XVIII cando os autores heráldicos comezaron a codificar as coroas nobiliarias, cuxa xerarquía e aspecto variaban dun país a outro. Algunhas coroas honoríficas podíanse colocar sobre o casco ou remate do escudo.Por exemplo, a circunferencia da coroa de valas é un valado de estacas, mentres que a coroa mural, que data de Napoleón Bonaparte, representa cidades, reminiscencia da Antigüidade. Segundo a importancia da cidade, ten tres, catro ou cinco torres. A heráldica urbana contemporánea utiliza a coroa naval e a de aviación para timbrar os escudos de armas das cidades dotadas de aeroporto ou porto naval.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne