Dereitos humanos

Mural sobre os dereitos humanos en Turquía.

Os dereitos humanos son aquelas liberdades e dereitos básicos que, de acordo con diversas filosofías ou fundamentacións, toda persoa posúe polo mero feito da súa condición humana a garantía dunha vida digna; independentemente de cal sexa o Dereito positivo vixente e de factores particulares como o seu status, etnia ou nacionalidade. Dende un punto de vista máis relacional, definíronse como as condicións que permiten crear unha relación integrada entre a persoa e a sociedade, que permita aos individuos ser persoas, identificándose consigo mesmos e cos outros [1].

Estes dereitos, habitualmente, defínense como inherentes á persoa, irrevogables e inalienables, o que implica que non poden transmitirse, transferirse ou renunciar a eles: ninguén, por exemplo, pode venderse como escravo. Por definición, este concepto de dereitos humanos é universal e igualitario, e incompatible cos sistemas baseados na superioridade dunha casta, raza, pobo, grupo ou clase social determinado [2].

Non obstante, toda decisión sobre que dereitos son humanos implica asumir unha posición respecto a que é Dereito e, implícita ou explicitamente, sobre que é o humano. Moitas violacións ou limitacións de dereitos humanos derívanse de concepcións restritivas e excluíntes da Humanidade[3].

Os dereitos humanos, normalmente, divídense en dúas categorías: dereitos positivos e dereitos negativos. Os dereitos negativos poden ser expresados como un dereito positivo, pero non á viceversa. Por exemplo, o dereito dun bebé a ter pais e que o coiden, asumindo que é un dereito humano, só pode ser expresado positivamente. Outra clasificación amplamente estendida é a que ordena os dereitos humanos en tres ou máis xeracións.

Legalmente, os dereitos humanos defínense no Dereito interno de numerosos Estados e nos tratados internacionais. Para moitos, ademais, a doutrina dos dereitos humanos esténdese máis aló do Dereito e conforma unha base ética e moral que debe fundamentar a regulación da orde xeopolítica contemporánea. Pero a validez, contido e incluso a existencia dos dereitos humanos son obxecto dun permanente debate no ámbito da filosofía e as ciencias políticas. Segundo que tipo de concepción se teña sobre o Dereito, como iusnaturalista, iusracionalista, iuspositivista, vinculada ao realismo xurídico ou ao dualismo xurídico, entre outros, a categoría conceptual de dereitos humanos pode considerarse divina, observable na natureza, accesible a través da razón, determinada polos contextos nas moitas maneiras que é posible entender a Historia, unha síntese de ideas destas ou outras posicións ideolóxicas e filosóficas ou un mero concepto inexistente e sen validez.

  1. Héctor Morales Gil de la Torre, Introducción: notas sobre la transición en México y los derechos humanos, Obra: Derechos humanos: dignidad y conflicto, (1996), México: Universidad Interamericana, ISBN 968-859-248-X, p. 19
  2. Thierry, Sur, Combacau, Valée; Droit International Public, (1986), Paris: Montchrestien, ISBN 2-7076-0334-1
  3. Helio Gallardo afirma que "se exterioriza ou proxecta un modelo de comportamento humano; se designa á proxección resultante como Humanidade constitutiva, e se xulga (e condena) a quen non encaixan nesa representación/valor como non humanos ou antihumanos". (Gallardo, Helio; Política y transformación social. Discusión sobre derechos humanos, (2000), Quito: SERPAJ/Editorial Tierra Nueva, ISBN 9978-41-198-4, p. 40

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne