Eritropoese

Diagrama que mostra o desenvolvemento de diferentes células sanguíneas en células maduras.

A eritropoese[1] é o proceso de formación dos glóbulos vermellos do sangue ou eritrocitos. Forma parte da hematopoese e ocorre normalmente na medula ósea vermella. A vida dos eritrocitos é duns 120 días; cando morren son destruídos no bazo e substituídos por novos eritrocitos producidos por eritropoese, de modo que cada día entran á circulación uns 2·1010 eritrocitos novos[2]. A eritropoese é estimulada pola diminución de O2 na circulación, que se detecta nos riles, os cales entón segregan a hormona eritropoetina.[3] Esta hormona estimula a proliferación e diferenciación de precursores dos glóbulos vermellos, que activan un incremento da eritropoese nos tecidos hematopoéticos, o que finalmente dará lugar á produción de máis glóbulos vermellos.[3] Nas aves e mamíferos (incluídos os humanos) posnatais, isto normalmente ocorre na medula ósea.[3] Pero nos fetos, a eritropoese ten lugar nas células mesodérmicas do saco vitelino, e ao chegar ao cuarto mes pasa a producirse no fígado.[4] Despois do sétimo mes, a eritropoese prodúcese xa na medula ósea. O incremento da actividade física pode causar un incremento da eritropoese.[5] A medula ósea de practicamente todos os ósos produce glóbulos vermellos ata os 5 anos de idade. Á idade de 25 anos a tibia e o fémur deixan de ser sitios importantes de hematopoese, e son as vértebras, o esterno, a pelve, as costelas, e os ósos craniais os que continúan a produción de glóbulos vermellos durante o resto da vida. Porén, nos humanos que padecen certas doenzas e nalgúns animais, a eritropoese tamén ten lugar fóra da medula ósea, en órganos como o bazo ou o fígado, o que se denomina eritropoese extramedular.

  1. Coordinadores: Jaime Gómez Márquez, Ana Mª Viñas Díaz e Manuel González González. Redactores: David Villar Docampo e Luís Vale Ferreira. Revisores lingüísticos: Víctor Fresco e Mª Liliana Martínez Calvo. (2010). Dicionario de bioloxía galego-castelán-inglés. (PDF). Xunta de Galicia. p. 72. ISBN 978-84-453-4973-1. 
  2. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Fawcett
  3. 3,0 3,1 3,2 Sherwood, L, Klansman, H, Yancey, P: Animal Physiology, Brooks/Cole, Cengage Learning, 2005.
  4. Palis J, Segel GB (June 1998). "Developmental biology of erythropoiesis". Blood Rev. 12 (2): 106–14. PMID 9661799. doi:10.1016/S0268-960X(98)90022-4. 
  5. Le, Tao; Bhushan, Vikas; Vasan, Neil (2010). First Aid for the USMLE Step 1: 2010 20th Anniversary Edition. USA: The McGraw-Hill Companies, Inc. pp. 124. ISBN 978-0-07-163340-6. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne