Filme

O cabalo en movemento
A famosa serie de fotografías de Eadweard Muybridge captadas con 16 cámaras de alta velocidade. Ao pasar ante a cámara o cabalo rompía un fío que a accionaba.
A sucesión continuada delas consegue suxerir o movemento.
A vista dos fotogramas en movemento ocasiona o movemento do cabalo (obra feita en (1878) por Eadweard Muybridge.)

Un filme[1] ou película[2] é unha arte visual baseada nunha serie de imaxes fixas que, cando se proxectan nunha pantalla de forma consecutiva en rápida sucesión, crean a ilusión óptica de imaxes en movemento.[3][4] O termo úsase normalmente como sinónimo de obra cinematográfica, é dicir, unha historia (ficticia ou documental), rexistrada nun soporte (filme flexible ou contedor dixital) que se grava e le mediante un mecanismo continuo ou intermitente de sucesión de imaxes.

Un filme pódese crear fotografando escenas reais cunha cámara de imaxes en movemento, fotografando debuxos ou modelos en miniatura empregando técnicas de animación tradicional, por medio de imaxes xeradas por computador ou animación por ordenador, ou por unha combinación dalgunhas ou todas estas técnicas e outros efectos visuais.

Os filmes gravábanse orixinalmente nunha película de plástico a través dun proceso fotoquímico e logo amosábanse a través dun proxector de filmes nunha pantalla grande. Os filmes contemporáneos a miúdo son completamente dixitais ó longo de todo o proceso de produción, distribución e exhibición. Os filmes gravados en forma fotoquímica tradicionalmente incluían unha banda sonora óptica análoga (unha gravación gráfica das palabras faladas, música e outros sons, que acompañan as imaxes e que van ó longo dunha parte do filme reservado exclusivamente para iso, que non se proxecta).

As imaxes individuais que compoñen un filme chámanse fotogramas. Na proxección dos filmes de celuloide tradicionais, un obturador xiratorio provoca intervalos de escuridade entre cada fotograma, que á súa vez, se coloca en posición para proxectarse. O espectador non nota as interrupcións por mor dun efecto coñecido como persistencia da visión, segundo o cal o ollo retén unha imaxe visual durante unha fracción de segundo despois de que desapareza a súa fonte. A percepción do movemento débese a un efecto psicolóxico chamado fenómeno phi.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para filme.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para película.
  3. KONIGSBERG, Ira: "The complete film dictionary", Meridian Books, 1987, p. 117
  4. Severny, Andrei (5 de setembro de 2013). Tribeca, ed. "The Movie Theater of the Future Will Be In Your Mind". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2013. Consultado o 5 de setembro de 2013. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne