Gameto

En bioloxía, os gametos (do grego Gameto, cónxuxe) son cada unha das células sexuais que ó se fusionaren, durante a fecundación, forman un novo individuo. Nos organismos pluricelulares, a célula formada por fusión dos gametos chámase cigoto. Á formación de gametos denomínase gametoxénese. Os órganos que producen os gametos chámanse gónadas nos animais, e gametanxios nos organismos vexetais.

Nos animais, os gametos proceden dunha estirpe celular específica chamada liña xerminal, diferenciada en etapas temperás do desenvolvemento, e chámanse óvulo o feminino e espermatozoide, o masculino.

Nas plantas, o gameto feminino denomínase oosfera, e o gameto masculino que fecunda a oosfera é un dos núcleos espermáticos que se atopan no extremo do tubo polínico.

A célula resultante da fusión dos gametos reúne os cromosomas de ambos os dous, así que os gametos adoitan ser células haploides. En organismos diplontes, como os animais, a formación dos gametos implica un proceso de meiose, coa súa correspondente redución cromosómica. En organismos haplodiplontes, como as plantas, os gametos son producidos pola fase haploide (gametófito), mentres que é a fase diploide (esporófito), producida precisamente a partir da fecundación, a que produce esporas por meiose.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne