Hormona

Tipos de hormonas segundo a súa natureza química.
Epinefrina (adrenalina), unha hormona de tipo catecolamina.

As hormonas (do grego ὁρμή - "ímpeto, estímulo") son substancias químicas liberadas por glándulas, órganos ou por células epiteliais ou intersticiais, que afectan ao metabolismo doutras células noutras partes do corpo. Só se precisa unha pequena cantidade de hormona para modificar o metabolismo doutra célula. Trátase basicamente dun mensaxeiro químico que leva un sinal dunha célula a outra.

Todos os organismos multicelulares producen hormonas. As hormonas vexetais denomínanse fitohormonas, entre as que están as auxinas, ácido abscísico, citoquinina, xiberelina e o etileno. As hormonas nos animais son xeralmente transportadas polo sangue, pero tamén poden selo polos espazos intercelulares. O funcionamento hormonal máis complexo dáse nos vertebrados, pero os invertebrados tamén teñen hormonas, por exemplo a hormona esteroide ecdisona, que intervén na muda dos insectos.

As células responden a unha hormona cando expresan un receptor específico para esa hormona. A hormona únese á proteína receptora, o que resulta na activación dun mecanismo de transdución de sinais que, en última instancia leva a unha resposta celular específica. Os tecidos que non teñen receptores para unha determinada hormona non se verán afectados por ela.

As hormonas endócrinas son moléculas segregadas (liberadas) directamente no torrente sanguíneo, xeralmente en capilares. Circulando polo sangue poden chegar a partes do corpo moi afastadas de onde foron segregadas. As hormonas que se segregan e funcionan de forma parácrina, difunden polos espazos intersticiais entre as células e chegan a tecidos diana que están próximos. As hormonas hidrosolubles, como as catecolaminas e as hormonas proteicas, son transportadas polo sistema circulatorio disoltas directamente no plasma. Outras, como as esteroides e as do tiroide, son liposolubles e para a súa distribución deben unirse a unha glicoproteína transportadora do plasma sanguíneo (un exemplo é a TBG que se une á tiroxina) formando complexos proteína-ligando. Algunhas hormonas son completamente activas cando se liberan no torrente circulatorio (como a insulina ou a hormona do crecemento), mentres que outras son prohormonas que deben ser activadas en células específicas por medio dunha serie de pasos de activación que adoitan estar moi regulados.

Diversos compostos químicos exóxenos, tanto naturais coma sintéticos, teñen efectos similares aos das hormonas nos seres humanos e outros seres vivos. A súa interferencia coa síntese, secreción, transporte, unión, acción, ou eliminación de hormonas naturais no corpo poden cambiar a homeostase, reprodución, desenvolvemento, ou comportamento, do mesmo modo que o farían as hormonas producidas endoxenamente.[1]

  1. Crisp TM, Clegg ED, Cooper RL, Wood WP, Anderson DG, Baetcke KP, Hoffmann JL, Morrow MS, Rodier DJ, Schaeffer JE, Touart LW, Zeeman MG, Patel YM (1998). "Environmental endocrine disruption: An effects assessment and analysis". Environ. Health Perspect. 106 (Suppl 1): 11–56. PMC 1533291. PMID 9539004. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne