Lingua grega Ελληνικά | ||
---|---|---|
Falado en: | Grecia, Chipre | |
Total de falantes: | 13,5 millóns (2012)[1] | |
Posición: | 74 | |
Familia: | Indoeuropea Helénica Ática Lingua grega | |
Escrita: | Alfabeto grego | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Grecia Chipre Unión Europea | |
Regulado por: | Academia da Lingua Grega | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | el
| |
ISO 639-2: | gre (B) | ell (T) |
ISO 639-3: | ell
| |
SIL: | GRK
| |
Mapa | ||
Status | ||
A lingua grega[3] (en grego moderno: ελληνικά, elliniká, e en grego antigo: Ἑλληνική, hellēnikḗ) é unha lingua indoeuropea pertencente á póla helénica orixinaria de Grecia, Chipre, Albania, outras partes do leste do mar Mediterráneo e o mar Negro. Ten a historia documentada máis longa de calquera lingua indoeuropea, a cal abrangue 3 400 anos de rexistro escrito.[4] O seu sistema de escrita é o alfabeto grego, que foi usado durante 2 000 anos; anteriormente, utilizou sistemas de escrita como o lineal B e o silabario chipriota.[5] O alfabeto grego xurdiu do alfabeto fenicio, e á súa vez foi a base do alfabeto latino, cirílico, armenio, copto e gótico, entre outros sistemas de escrita.
A lingua grega ocupa un importante lugar na historia do mundo occidental.[6] Comezando cos poemas épicos de Homero, a literatura grega antiga inclúe moitas obras de importancia para o canon europeo. O grego tamén é a lingua de moitos textos fundacionais da ciencia e da filosofía. O Novo Testamento da Biblia cristiá tamén foi escrito en grego.[7][8] Xunto cos textos en latín e as tradicións do mundo romano, o estudo dos textos e da sociedade grega da antigüidade constitúen a disciplina dos estudos clásicos.
Durante a antigüidade, o grego era falado como lingua franca no mundo Mediterráneo. Posteriormente converteríase na lingua do Imperio Bizantino e evolucionou no grego medieval.[9] Na súa forma moderna, o grego é a lingua oficial de Grecia e Chipre, e é unha das 24 linguas oficiais da Unión Europea. É falado por, cando menos, 13,5 millóns de persoas en Grecia, Chipre, Italia, Albania, Turquía e pola diáspora grega.
As raíces lingüísticas gregas son empregadas a miúdo para crear novas palabras noutras linguas, e o grego e o latín son as fontes predominantes para o vocabulario científico internacional.