Lingua materna

Unha clase da Academia Kituwah de Qualla Boundary, en Carolina do Norte. A inmersión lingüística neste colexio ensina o mesmo currículo que outras escolas primarias dos Estados Unidos, pero o cherokee é o medio de instrución dende preescolar, e os seus estudantes apréndena como lingua materna.

Unha lingua materna,[1] tamén chamada lingua nativa ou primeira lingua,[2] é a primeira lingua que aprende unha persoa dende o seu nacemento[3] e que xeralmente corresponde ó grupo étnico-lingüístico co que o individuo se identifica culturalmente. En certos casos, cando a persoa é educada por pais (ou outras persoas) que falan linguas diferentes, é posíbel adquirir o dominio de dúas linguas ó mesmo tempo, cada unha delas podendo ser considerada lingua materna, creándose entón unha situación de bilingüismo.[3]

A expresión lingua materna provén do costume pola que as nais eran as únicas que educaban os nenos na primeira infancia, facendo que a lingua da nai sexa a primeira en ser asimilada polo neno, condicionando o seu aparello fonador ó sistema lingüístico. A adquisición da lingua materna ocorre en varias fases. Inicialmente, o neno rexista literalmente os fonemas e as entoacións da lingua, sen aínda ser quen de os reproducir. Despois, comeza a producir sons e entoacións até que o seu aparello fonador lle permita articular palabras e organiza frases, asimilando o léxico. A sintaxe e a gramática son integradas pouco a pouco dentro deste proceso de aprendizaxe.[2]

O Día Internacional da Lingua Materna conmemórase internacionalmente o 21 de febreiro.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para materno.
  2. 2,0 2,1 Davies (2003)
  3. 3,0 3,1 Bloomfield (1996)

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne