Linguas indoeuropeas

Distribución actual das linguas indoeuropeas en Eurasia:      Albanés      Armenio      Baltoeslavo (Bálticas)      Baltoeslavo (Eslavas)      Célticas      Xermánicas      Helénicas (Grego)      Indoiranias (Indoarias, iranias e nuristanias)      Itálicas (Románicas)      Linguas non indoeuropeas

En lingüística, desígnase por linguas indoeuropeas a unha familia de linguas que teñen unha orixe común, o protoindoeuropeo, que se falou alá polo 5000 a.C. (moito antes da invención da escrita) nun territorio próximo ao mar Negro. Agrupan preto dun milleiro de linguas faladas hoxe en día por tres mil millóns de individuos en todos os continentes (sobre un 40-45% da poboación mundial.[1]

O indoeuropeo é unha familia lingüística ampla que engloba a maior parte das linguas europeas antigas e actuais. Ten este nome porque a rexión xeográfica na que se teñen desenvolvido estas linguas esténdese desde a Europa ata a India setentrional. Son preto de 450 linguas, faladas actualmente por 3.000 millóns de persoas en todo o mundo. Este termo, orixinalmente lingüístico, aplícase tamén á cultura da que se cre que parten todas estas linguas, e que se localiza na rexión do mar Negro arredor do V milenio a.C.

A existencia desta familia lingüística propúxose a finais do século XVIII. William Jones, un xuíz británico na India, observou as semellanzas consistentes que se daban entre o sánscrito, o grego, o persa e o latín. Estimouse que estas afinidades só se podían deber a unha orixe común. Á lingua da que derivaban chamóuselle primeiro indoxermánico, durante un tempo indoario e finalmente indoeuropeo, conforme se ampliaba o número de linguas que mostraban esas semellanzas sistemáticas. Cando a arqueoloxía sacou á luz textos escritos en linguas anteriormente descoñecidas, como as anatolias e as tocarias, probouse que tamén compartían este parentesco común.

As linguas indoeuropeas son xeralmente clasificadas en grandes grupos pero unha das distincións máis importantes concirne á oposición entre as linguas satem no leste (grupos baltoeslavo, indoiranio e armenio) e as linguas centum no oeste (grupos grego, itálico, céltico e xermánico), en razón do diferente tratamento dos sons velares en preindoeuropeo. Á parte están os grupos anatolio, tocario e albanés. Esta división entre centum e satem é a clásica dentro da gramática histórica, aínda que hoxe a tendencia é a non tela en conta.

Linguas indoeuropeas
  1. Crystal, p. 283

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne