Metabolito

Un metabolito[1][2][3] ou metabólito é un composto orgánico intermediario ou produto do metabolismo. O termo resérvase xeralmente para moléculas orgánicas pequenas ou para monómeros, por oposición ás macromoléculas. Así, a glicosa é un metabolito, contrariamente ao glicóxeno, que é un polisacárido de elevado peso molecular. O termo úsase principalmente en bioquímica, bioloxía celular e farmacoloxía.

Os metabolitos orixínanse uns a partir dos outros en cadeas de reaccións chamadas vías metabólicas, catalizadas por encimas. O metaboloma é o conxunto de metabolitos da célula, que forma unha ampla rede de rutas metabólicas interrelacionadas. Diversas enfermidades xenéticas poden facer que non funcione correctamente un encima dalgunha vía metabólica e se acumule algún metabolito desa vía, o que produce os síntomas ou serve para o diagnóstico.

Os metabolitos xeralmente permanecen dentro das células, pero tamén poden ser expulsados ao exterior. Os metabolitos dos tóxicos inhalados, inxeridos ou dispersados no medio son de interese para os toxicólogos, ecotoxicólogos e ecólogos, porque son indicadores de contaminación ou porque a súa toxicidade pode ser maior ca a da molécula da que proceden, como ocorre con certas moléculas químicas, como por exemplo o monometil mercurio ou o dimetilmercurio, que son máis tóxicas e bioacumulables ca o propio mercurio metálico puro. En certos casos ignórase se certas moléculas problemáticas atopadas no solo, aire e auga son simples residuos de degradación física (por efecto dos raios ultravioleta, por exemplo) ou se se trata de verdadeiros produtos metabólicos dos seres vivos.

Os metabolitos derivados dun composto químico, xa sexa este celular ou un fármaco administrado, fórmanse durante os procesos bioquímicos de transformaciòn, degradación e eliminación dese composto dentro da célula. A taxa de degradación dun composto é un importante determinante da duración e intensidade da súa acción. Estudar os metabolitos dun composto farmacéutico, é unha parte importante das investigacións para descubrir novos fármacos, que permite comprender os posibles efectos secundarios indesexados que orixina.

  1. Definición de Metabolito no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. Tomo 12. Páxina 62. Metabolito. ISBN 84-7680-288-9 (da obra); 84-7680-300-1 (do tomo)
  3. Vocabulario de Química. 2002. Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. metabolito

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne