Polis

Restos da antiga polis de Cámiros, en Rodas.
Aspecto actual do porto de Mikonos.
Oliveirais próximos a Antimachia (Αντιμάχεια), na illa de Cos. A oliveira, a vide e os cereais foron os principais cultivos gregos, como en toda a conca do mar Exeo.

Polis (do grego πόλις, romanizado como pólis —plural póleis—) é a denominación dada ás cidades-estado independentes da antiga Grecia, xurdidas na Idade Escura mediante un proceso de agregación de núcleos e grupos de poboación (anteriormente vinculados polo οἶκος oikos casa) denominado sinecismo (συνοικισμóς synoikismós «xuntar as casas» ou «habitar xuntos»[1][2]). A unificación entre o núcleo urbano e a súa contorna rural, característica esencial da polis arcaica e clásica, completouse xa cara á segunda metade do século -VII. A polis foi o marco esencial onde se desenvolveu e expandiu a civilización grega até a época helenística e a dominación romana.

A estrutura da polis leva un establecemento urbano (ἄστυ, ásty), xeralmente instalado ao pé dunha cidadela elevada (ἀκρόπολις, acrópole), xunto cunha parte rústica (χώρα, khōra), composta polas terras propiedade dos cidadáns particulares, os campos sen cultivar e os bosques. A polis comprendía a cidade amurallada, os campos de cultivo e pastoreo, e os portos que a comunicaban co exterior. Cada polis controlaba o seu territorio, no que se consideraba autosuficiente (autarquía económica, αὐτάρκεια, autárkeia), considerando como ideal supremo a independencia e a non submisión a ningún poder exterior (soberanía ou autarquía política); o que non impedía a formación de distintos tipos de alianzas entre polis (anfictionía, ἀμφικτιονία, «construír xuntos»; simaquía, συμμαχία, symmakhía «loitar xuntos», κοινόν koinón, «común», traducido habitualmente como «liga»[3]).

A gran compartimentación xeográfica, tanto en Grecia continental como nas illas, provocou que o tamaño medio das polis fose reducido: unha poboación non maior de 10.000 habitantes, sobre unha superficie entre 1000 e 3000 km². Ademais da polis, existían outros tipos de asentamentos que recibían outras denominacións: kōmē (κώμη, «aldea», unha localidade non amurallada; Tucídides describía Esparta, que non tiña murallas —os espartanos gabábanse diso—, como a reunión de catro destas kōmē, e supuña que o resto das polis gregas xurdiran por sinecismo entre antigas kōmē), apoikía (ἀποικία, «colonia»), katoikía (κατοικία, colonias militares que non desenvolven institucións políticas plenas), emporion (ἐμπόριον, colonias comerciais), cleruquía (κληρουχία, asentamento agrícola-militar propio da colonización ateniense) e varios tipos de gornicións militares (φρούριον, phrúrion; στρατόπεδον, stratópedon; katoikía)[4][5].

Socialmente, a polis caracterizouse pola existencia de tres grupos: os cidadáns (πολίτης polítēs), que gozaban de todos os dereitos, os metecos (μέτοικος métoikos, «o que cambiou de oikos»), sen dereitos, pero libres; e os escravos (δοῦλος dûlos), privados de liberdade e que non dispuñan de ningún dereito[6]. Como corresponde á súa situación histórica, as mulleres tampouco eran consideradas cidadáns e, por tanto, tampouco tiñan dereitos[7].

A identificación coa polis era fortísima para o home grego, até tal punto que o desterro (ostracismo) fose a suprema condena. Aristóteles chegou a definir o ser humano como "animal político" (ζῷον πouλιτικόν zōon politikón), é dicir, o que ten vida social, o que vive en polis.

  1. Tovar, op. cit., pxs. 18-19. A cita entrecomiñada é de Arnold Wycombe Gomme, Essays in Greek History and Literature, Oxford, 1937, px. 224.
  2. "La filosofía antigua". Historia de la Filosofía. Oxford Univesity Press España, Sociedad Anónima. ISBN 9788467351477. 
  3. Tamén expresa un concepto individual: «dominio de si mesmo»
  4. T.H. Nielsen, «Phrourion. A note on the term in classical sources and in Diodorus Siculus» contributo in T.H. Nielsen (a cura di), Even more studies in the ancient Greek polis, 2002 (pp. 49-64). Fonte citada en it:Phourion
  5. Equivalentes aos castellum, castrum ou burgus romanos. A identificación dos katoikia con establecementos militares non é algo evidente: ... not every katoikia was necessarily a military settlement. It has become almost generally accepted that katoikia was a settlement in an intermediate stage between the polis and the kome, namely a community having all the traditional municipal institutions but not enjoying the privileges of a polis (Bezalel Bar-Kochva, The Seleucid Army: Organization and Tactics in the Great Campaigns, pg. 23). Tamén se identifica katoikia con politeuma (Tarn interpreted the terms as being sometimes equivalent to the Ptolemaic politeuma, i. e., quasi-autonomous corporations of non-Greeks nationalities in Greek cities, but this cannot apply to most of the katoikiai under consideration, wich vere obviously self-contained settlements and not just quarters of a city -op. cit.-). O verbo katoikein significa «habitar» (op. cit.)
  6. Historia da cidadanía. Pocock, J. G. A. (1998). The Citizenship Debates. Chapter 2—The Ideal of Citizenship since Classical Times (originally published in Queen's Quarterly 99, no. 1). Minneapolis, MN: The University of Minnesota. p. 31. ISBN 0-8166-2880-7. Fonte citada en en:History of citizenship
  7. Historia da muller na Grecia antiga. The Rise of Women in Ancient Greece by Michael Scott, published in History Today Volume: 59 Issue: 11 2009. Fonte citada en en:Women in Greece

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne