Sexo

O éxito reprodutivo do sexo en animais: a fusión dun espermatozoide e un óvulo, que ó unirse crean un cigoto.

En bioloxía, o sexo é un proceso de combinación e mestura de trazos xenéticos a miúdo dando por resultado a especialización de organismos en variedades feminina e masculina (coñecidas como sexos). A reprodución sexual implica a combinación de células especializadas chamadas gametos para formar fillos que herdan o material xenético, e polo tanto os trazos e natureza de ambos pais. Os gametos poden ser idénticos en forma e función (isogametos), pero nalgúns casos evolucionaron cara a unha asimetría de tal xeito que hai dous tipos de gametos específicos por sexo (heterogametos): os gametos masculinos son pequenos, móbiles, e optimizados para o transporte da súa información xenética a certa distancia; mentres que os gametos femininos son grandes, non móbiles e conteñen os nutrientes precisos para o desenvolvemento do novo organismo.

O sexo dun organismo defínese polos gametos que produce: os de sexo masculino producen gametos masculinos (espermatozoides) mentres que os de sexo femininos producen gametos femininos (óvulos), os organismos individuais que producen tanto gametos masculinos como gametos femininos denomínanse hermafroditas. Na especie humana hai varios casos que son semellantes ó hermafroditismo, pero o termo máis correcto para referirse a unha persoa con estas condicións é intersexual. Acotío, as diferenzas físicas asócianse co sexo do organismo; este dimorfismo sexual pode reflectirse nas presións reprodutivas diferentes de cada sexo.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne