Venus

Venus ♀
Descubrimento
Descuberto por civilizacións antigas
Descuberto na antigüidade
Características da órbita (Época J2000)
Eixe semi-maior 108 208 926 km
(0,72333199 AU)
Circunferencia orbital 0,68 Tm
(4,545 AU)
Excentricidade orbital 0,00677323
Perihelio 107 476 002 km
(0,71843270 AU)
Afelio 108 941 849 km
(0,72823128 AU)
Ano sidéreo (Período orbital sidéreo) 224,70096 días terrestres

(0,6151977 anos terrestres)

Período Sinódico 583,92 días terrestres
Velocidade Orbital Media 35,02 km/s
Velocidade Orbital Máxima 35,259 km/s
Velocidade Orbital Mínima 34,784 km/s
Inclinación Orbital en relación coa Eclíptica 3,39471°
(3,86° respecto ó ecuador solar)
Lonxitude do nodo ascendente 76,68069°
Argumento do perihelio 54,85229°
Satélites 0
 
Características físicas
Diámetro ecuatorial 12 103,7 km

(0,949 Terra)

Área superficial (superficie) 4,60×108 km²

(0,902 Terra)

Volume 9,28×1011 km³

(0,857 Terra)

Masa 4,8685×1024 kg

(0,815 Terra)

Densidade 5,204 g/cm³
Gravidade no Ecuador 8,87 m/s²
(0,904 gee)
Velocidade de Escape 10,36 km/s
Período de rotación -243,0185 días terrestres
Velocidade de Rotación 6,52 km/h (no ecuador)
Inclinación do eixe de xiro 2,64°°
Ascensión Recta
do Polo Norte
272,76° (18 h 11 min 2 s)
Declinación 67,16°
Albedo 0,65
Temperatura
- min
- media
- max

228 K(alto nubes)
737 K
773 K
Presión Atmosférica Superficial 9321,9 kPa
 
Constituíntes Atmosféricos
Dióxido de carbono 96%
Nitróxeno 3%
Dióxido de xofre

Vapor de auga
Monóxido de carbono
Argon
Helio
Neon
Sulfuro de carbono
Fluoruro de hidróxeno
Cloruro de hidróxeno

trazas

Venus é o segundo planeta do sistema solar en orde de proximidade ao Sol e o terceiro en canto a tamaño en orde ascendente despois de Mercurio e Marte e ten algunhas características peculiares. Do mesmo xeito que Mercurio, carece de satélites naturais. A súa órbita é unha elipse cunha excentricidade de menos do 1 %, formando a órbita máis circular de todos os planetas; apenas supera a de Neptuno. Este planeta ademais posúe o día máis longo do sistema solar —243 días terrestres—, o seu movemento é dextróxiro, é dicir, xira no sentido das agullas do reloxo, contrario ao movemento dos outros planetas. Por iso, nun día venusiano o Sol sae polo oeste e ponse polo leste. As súas nubes, con todo, poden dar a volta ao planeta en catro días terrestres. De feito, previamente a estudalo con naves non tripuladas na súa superficie ou con radares, pensábase que o período de rotación de Venus era duns catro días terrestres.

Trátase dun planeta interior de tipo rochoso e terrestre, chamado con frecuencia o planeta irmán da Terra, xa que ambos son similares en canto a tamaño, masa e composición, aínda que totalmente diferentes en cuestións térmicas e atmosféricas (a temperatura media de Venus é de 463,85 °C). A súa atmosfera chega a ser extremadamente densa nas capas interiores, o que lle produce, xunto coa súa composición, un efecto invernadoiro moi forte, que mantén a súa superficie a uns 500 °C. A súa presión atmosférica é 90 veces superior á terrestre; é, polo tanto, a maior presión atmosférica de todos os planetas rochosos do sistema solar. É de cor branca/amarelada pola súa atmosfera composta maioritariamente por dióxido de carbono (CO2), ácido sulfhídrico (H2S) e nitróxeno (N2).

A pesar de situarse máis lonxe do Sol que Mercurio, Venus posúe a atmosfera máis quente do sistema solar; isto débese a que está principalmente composta por gases de efecto invernadoiro, como o dióxido de carbono, atrapando moito máis calor do Sol. Actualmente carece de auga líquida e as súas condicións en superficie considéranse incompatibles coa vida coñecida, aínda que en descubrimentos recentes atopouse fosfina na súa superficie nebular, unha molécula que na Terra é xerada por microbios, o que dá indicios dunha posible existencia de vida.[1] Con todo, o Instituto Goddard de Estudos Espaciais da NASA e outros postularon que no pasado Venus puido ter océanos[2][3][4] con tanta auga como o océano terrestre[5] e reunir condicións de habitabilidade planetaria.[3][4][6][7]

Ao atoparse Venus máis próximo ao Sol que a Terra, sempre se pode atopar nas inmediacións do Sol (a súa maior elongación é de 47,8°), polo que desde a Terra pódese ver só durante unhas poucas horas antes do orto (saída do Sol) nuns determinados meses do ano; tamén durante unhas poucas horas despois do ocaso (posta do Sol) no resto do ano. A pesar diso, cando Venus é máis brillante pode ser visto durante o día, sendo un dos tres únicos corpos celestes que poden ser vistos de día a primeira ollada ademais da Lúa e o Sol. Venus pode proxectar sombras e pode ser visible a simple vista a plena luz do día.[8][9] Polo mesmo motivo, Venus presenta fases tal como o fai a Lúa, se ben non chega a producirse nada máis que unha parte das que corresponden ó noso satélite, pois non pode poñerse de xeito máis afastado do Sol que o que está a Terra. Estas fases foron primeiro observadas por Galileo e foron utilizadas por el como un indicio de que os planetas xiran arredor do Sol. Coñecido como a estrela da mañá (‘Luceiro do alba’) ou da tarde (‘Luceiro vespertino’), cando é visible no ceo nocturno é o segundo obxecto máis brillante do firmamento tras a Luna, polo que Venus debeu ser xa coñecido desde os tempos prehistóricos.[10]

A maioría das antigas civilizacións coñecían os movementos no ceo de Venus, polo que adquiriu importancia en case todas as interpretacións astrolóxicas do movemento planetario. En particular, a civilización maia elaborou un calendario relixioso baseado nos ciclos astronómicos, incluídos os ciclos de Venus.

Venus recibe o seu nome en honra a Venus, a deusa romana do amor (na Grecia antiga, Afrodita). Os adxectivos venusiano/a, venusino/a e venéreo/a (poeticamente) son usados para denotar as características habitualmente atribuídas a Venus/Afrodita. O adxectivo venéreo adoita asociarse ás enfermidades de transmisión sexual. Venus e a Terra (deusa grega Xea) son os únicos planetas do sistema solar con nome feminino. O símbolo do planeta Venus é unha representación estilizada do espello da deusa Venus: un círculo cunha pequena cruz debaixo, utilizado tamén hoxe para denotar o sexo feminino.

  1. Nieves, José Manuel (14 de setembro de 2020). "Detectan posibles huellas de vida en Venus". ABC. Consultado o 4 de xullo do 2022. 
  2. Hashimoto, G. L.; et al. (2008). "Felsic highland crust on Venus suggested by Galileo Near-Infrared Mapping Spectrometer data". Journal of Geophysical Research (en inglés) 113: E00B24. Bibcode:2008JGRE..11300B24H. doi:10.1029/2008JE003134. 
  3. 3,0 3,1 Shiga, David (10 de outubro de 2007). "Did Venus's ancient oceans incubate life?". New Scientist (en inglés). 
  4. 4,0 4,1 Way, Michael J.; et al. (26 de agosto de 2016). "Was Venus the First Habitable World of our Solar System?". Geophysical Research Letters (en inglés). doi:10.1002/2016GL069790. Consultado o 4 de xullo do 2022. 
  5. Agencia Espacial Europea, ed. (18 de decembro de 2008). "Where did Venus's water go?" (en inglés). Consultado o 4 de xullo do 2022. 
  6. Cabbage, Michael y Leslie McCarthy (11 de agosto de 2016). NASA, ed. "NASA climate modeling suggests Venus may have been habitable" (en inglés). Consultado o 4 de xullo do 2022. 
  7. Hall, Shannon (10 de agosto de 2016). "Hellish Venus Might Have Been Habitable for Billions of Years". Scientific American (en inglés). Consultado o 4 de xullo do 2022. 
  8. Lawrence, Pete (2005). "In Search of the Venusian Shadow". Digitalsky.org.uk. Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2012. Consultado o 13 June 2012. 
  9. Walker, John. "Viewing Venus in Broad Daylight". Fourmilab Switzerland. Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2017. Consultado o 4 de xullo do 2022. 
  10. "How did we discover the planets in our Solar System?". Bitesize (en inglés). Consultado o 4 de xullo do 2022. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne