Forma de goberno

Forma de goberno, sistema de goberno ou réxime político son diferentes termos, que en ocasións se utilizan con matices diferentes, pero que son comunmente utilizados para referirse ao conxunto das institucións políticas mediante as cales un estado se organiza para exercer os seus poderes sobre unha comunidade política. Esta definición é válida aínda que o goberno sexa ilexítimo ou estea incapacitado para exercer os seus poderes.

Moi habitualmente emprégase de forma sinónima a expresión forma de estado, que tamén se utiliza, ás veces, limitada á contraposición monarquía-república, aínda que a súa definición pode ser máis complexa.

Un concepto confluente é o de sistema político, que pode entenderse coa simplificación do espectro político esquerda-dereita, co que é un concepto máis efémero e cambiante, mentres que a forma de goberno é máis estable no tempo, aínda que tamén suxeita a cambios e ata a transformacións revolucionarias. O sistema político adoita incorporarse ao nome oficial do estado, como no caso da República Arxentina, os Estados Unidos Mexicanos, o Reino de España, a Federación Rusa ou a Gran Jamahiriya Árabe Libia Popular e Socialista. Só hai dezaoito países que non o fan así, como Xamaica, mentres que once só indican que son "estados". A forma máis común é "república", con 132 casos de moi distinto tipo. As monarquías son 33, 18 delas "reinos".


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne