Tempo

Un reloxo é calquera dispositivo que pode medir o tempo transcorrido entre dous eventos que suceden respecto dun observador.

O tempo é a sucesión das cousas considerada como un continuo uniforme, que se divide para medilo en intervalos regulares naturais, como os ciclos do Sol, da Lúa, das estacións etc., ou convencionais, como as horas, minutos, segundos etc., e que, xunto co espazo, serve de medio de referencia fundamental para localizar as existencias, fenómenos ou acontecementos.[1]

Comunmente o tempo é o concepto que permite comprender a mudanza, a transformación. Nesta liña é así mesmo a base (o paso do tempo, o instante de tempo no que nos achamos) para falarmos de pasado, presente e futuro.

Por este motivo o tempo é un problema fundamental, e permanentemente aberto, de todo o que ten que ver coa experiencia e o coñecemento. Así, a súa concepción, o seu lugar no discurso vai ser fundamental nas distintas concepcións filosóficas. Tamén na física vai ser chave a súa caracterización. E como consecuencia, o impacto das distintas concepcións do mesmo na cultura vai ser enorme, facéndose presente en todo momento nas distintas artes, desde a poesía ata o cinema.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tempo.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne