Xunta Suprema do Reino de Galicia

Xunta Suprema do Reino de Galicia
Tipoorganización
Data de fundación1808
PaísReino de Galicia
editar datos en Wikidata ]
Selos da Xunta Suprema co escudo de Galicia.
Mapa do reino de Galicia, 1784.
Fernando VII, por Francisco de Goya, ca. 1815.

A Xunta Suprema do Reino de Galicia foi unha institución vixente en 1808 no marco da guerra da Independencia española para cubrir a ausencia de poder tralo apresamento do rei Fernando VII.

A Idade Contemporánea ábrese en Galicia coa epopea da guerra da Independencia, na que todo o país se converteu nunha guerrilla contra o invasor francés. A Igrexa entregouse en favor da loita; os clérigos colgaron hábitos e sotanas e empuñaron as armas, e os que por idade (ou pola súa pusilanimidade) quedaron na retagarda, apoiárona desde púlpitos e confesionarios. Os fidalgos, que se consideraban señores naturais dos seus súbditos campesiños, en poucas ocasións como nesta puideron exercer un liderado que lles permitise consolidar o prestixio das familias: os pazos foron cuarteis e almacéns onde os campesiños encontraban, desta vez, de todo, desde armas e municións até prórrogas para o pagamento das rendas. A burguesía das cidades marítimas, despois dunha inicial dúbida sobre que partido tomar, entregouse igualmente á causa achegando diñeiro, enviando os seus fillos ás escolas de cadetes e, sobre todo, asumindo (non desinteresadamente, é certo) as pesadas responsabilidades dunha burocracia militar e civil cada día máis complicada.

Todos colaboraron eficazmente; pero, sobre todo, estivo en primeira liña o campesiñado, que era a maioría da poboación. Quizais desde a gran guerra irmandiña nunca os campesiños galegos se entregaran tan vehementemente a unha causa coma nesta ocasión. A guerra foi, pois, unha epopea popular.

A cidade da Coruña foi, en maio de 1808, a primeira que se levantou en armas contra os franceses, cando os alarmantes rumores sobre a entrega das autoridades, e por tanto do país, a Napoleón inquietaron á poboación. Pouco despois alzouse a de Santiago e, a continuación, todas as demais cidades e vilas seguiron o exemplo das dúas principais urbes galegas, formando Xuntas de goberno que, a instancias da Coruña, acabaron confluíndo e integrando a Xunta Suprema do Reino de Galicia que actuou, durante menos dun ano, apenas seis meses, como soberana xa que, imposibilitado Fernando VII, preso e cativo en Francia, actuou, no seu nome, como o goberno dun reino independente.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne