Falacia

Caricatura de Charles Darwin coma un simio, na revista Hornet. Esta caricatura consiste nunha apelación ó ridículo, unha forma de argumentum ad hominem.

Unha falacia é un argumento que, malia semellar válido, non é tal. É, xa que logo, loxicamente inconsistente, fallando no soporte eficaz do que pretende probar. Os argumentos que se destinan á persuasión poden parecer convincentes para gran parte do público a pesar de conteren falacias, mais non deixan de ser falaces por causa diso. Debido a isto, ocasionalmente úsanse como figuras estilísticas.

Un argumento pode ser falaz tendo as súas premisas e conclusión verdadeiras. Isto é, o que fai falaz a un argumento non é a falsidade das súas afirmacións senón a invalidez do razoamento en si mesmo.

Recoñecer as falacias é por veces difícil. É importante coñecer os tipos de falacia para evitar trampas lóxicas na propia argumentación e para analizar a argumentación allea. Xa Aristóteles identificou trece tipos de falacias nas súas Refutacións sofísticas[1]. Hoxe en día téñense proposto varios sistemas de clasificación e son centos as falacias identificadas.

Non só a lóxica ten interese na análise das falacias. A política, a publicidade, o dereito, a relixión, a ciencia e o xornalismo son eidos nos que a falacia ten grande importancia, xa que basean boa parte das súas actividades na argumentación e na persuasión.

  1. "Aristóteles (2013), On Sophistical Refutations. Tradución ao inglés de W. A. Pickard-Cambridge, Universidade de Adelaida, Adelaida, Australia.". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2018. Consultado o 26 de xaneiro de 2019. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne