Nilo

Río Nilo
PaísUganda Uganda
Sudán do Sur
Sudán Sudán
Exipto Exipto
Ruanda Ruanda
Tanzania Tanzania
Quenia Kenya
Etiopía Etiopía
Burundi Burundi
República Democrática do Congo R.D. do Congo
Eritrea Eritrea
NacementoLago Vitoria
Altitude1.134 msnm
Lonxitude6853 km[1]
Conca3.254.555 km²
Caudal medio2.830 m³/s
DesembocaduraMar Mediterráneo
Montaxe fotográfica de imaxes de satélite do Nilo (cortesía da NASA).

O río Nilo (النيل en árabe) é o maior río de África, que flúe en dirección norte a través de dez países —Burundi, Ruanda, Tanzania, Uganda, Kenya, República Democrática do Congo, o Sudán do Sur, o Sudán, Exipto e Etiopía— ata desaugar no extremo sueste do mar Mediterráneo, formando o gran delta do Nilo, sobre o que están situadas as cidades do Cairo e Alexandría. Ten unha lonxitude de 6853 km, o segundo río máis longo do mundo, tras o Amazonas.

A fonte máis afastada do lago Vitoria é o río Kagera, localizado ao oeste de Tanzania. Se se considera este como fonte do Nilo, o seu nacemento sería o curso de auga máis longo dos que desembocan no Mediterráneo, sendo o Nilo-Kagera o segundo río máis longo do mundo, cunha lonxitude de 6853 quilómetros.[2] Durante séculos foi considerado o río máis longo do mundo;[3] con todo, medicións dos anos 2007 e 2008 redefiniron o nacemento do Amazonas na conca do río Apurímac ao sur do Perú, designándoo como o río máis longo do mundo.[4][5]

O Nilo está situado ao nordeste do continente africano e tomou a súa actual configuración o final da era terciaria. O Nilo ten dous tributarios claros ou fontes principais: o Nilo Branco e o Nilo Azul dos cales o primeiro é máis longo. O primeiro atravesa os Grandes Lagos de África, tendo a súa fonte máis distante en Ruanda (2°16′55.92″S, 29°19′52.32″E), e flúe cara ao norte por Tanzania, o lago Vitoria, Uganda, o Sudán do Sur e o Sudán. O Nilo Azul, chamado Abay polos etíopes, nace ao noroeste de Etiopía en Gish Abay;[6] ao pouco do seu nacemento abastece ao lago Tana e continúa fluíndo cara ao sueste; uns 30 quilómetros despois forma as fervenzas do Nilo Azul e continúa o seu curso nesa dirección ata que toma a dirección noroeste, para entrar no Sudán polo sueste deste país. Os dous ríos xúntanse xusto ao norte da capital sudanesa de Khartún.[7]

A parte do norte do río flúe case completamente polo deserto, entre Sudán e Exipto, unha zona cuxa civilización dependeu do río desde hai milenios. A maior parte da poboación de Exipto e todas as súas cidades —fóra das do delta do Nilo e os oasis— atópanse ao longo do val do Nilo (ao norte de Asuán), e a maioría dos lugares de interese cultural e histórico áchanse ao longo das ribeiras do río. A desembocadura do río conforma o delta do Nilo, que desemboca no mar Mediterráneo.

  1. Geoenciclopedia. "Río Nilo". Consultado o 11 de novembro de 2016. 
  2. EFE, ed. (3 de abril de 2006). "Una expedición británica asegura que el Nilo es 106 kilómetros más largo de lo establecido". El País. 
  3. El Nilo: viaje por el río más largo del mundo, viajeaafrica.com, Consultado o 15 de setembro de 2008
  4. "El Nilo no es el río más largo del mundo". Mundo Negro Digital. 18 de xuño de 2007. Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2009. Consultado o 26 de setembro de 2019. 
  5. "¿Cuál es el río más largo del mundo?". El País. 16 de xuño de 2007. 
  6. Oestigaard, T.; Gedef, A. F. (2011). WIT Press, ed. "Gish Abay: The Source Of The Blue Nile". WIT Transactions on Ecology and the Environment (en inglés) 153: 27–38. ISSN 1743-3541. doi:10.2495/WS110031. 
  7. "What's the Blue Nile and the White Nile?". The Times of India. Arquivado dende o orixinal o 8 de marzo do 2017. Consultado o 27 de setembro do 2019. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne