Actinomycetales

Actinomycetales é unha orde de bacterias do filo das Actinobacteria. Son organismos moi diversos, clasifícanse en varios subordes e moitos illados están aínda sen clasificar. Algúns xéneros son moi difíciles de clasificar debido a que o seu fenotipo é moi dependiente do nicho ecolóxico que ocupan. Por exemplo, Nocardia contén varias especies que presentan grandes diferenzas debidas soamente ás condicións de crecemento.

As Actinomycetales son bacterias grampositivas, pero varias especies teñen complexas paredes celulares que fan que a tinguidura de Gram sexa inadecuada para caracterizalas; como ocorre coas Mycobacteriaceae. Varias Actinomycetales son patóxenas para os humanos ou os animais, plantas ou outros eucariotas. Un exemplo de patóxeno humano importante deste grupo é Mycobacterium tuberculosis, causante da tuberculose.

Algunhas especies utilízanse na industria farmacéutica e en investigación debido ás súas propiedades. A familia das Streptomycetaceae ten unha singular morfoloxía e ciclo celular e produce unha gran variedade de antibióticos. As Corynebacteriaceae, especialmente Corynebacterium glutamicum, utilízase para a produción de produtos químicos en biotecnoloxía, e a Corynebacterium diphtheriae produce a difteria.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne